domingo, 5 de setembro de 2010

SERÁ QUE ISTO TEM EMENDA?


A profesión de arqueólogo sempre estivo imbuída de certo encanto romántico. Dende os tempos nos que Arthur Evans descubría a civilización minoica até o furor provocado pola figura de Indiana Jones nos anos 80, mozos de todo o mundo soñaron con converterse en arqueólogos. Un exemplo claro deses apaixonados pola arqueoloxía é Álvaro Verde. Estudante de Historia na Universidade de Santiago de Compostela, dedica moito tempo do período estival a participar en escavacións arqueolóxicas. “Este é o segundo ano que participo nunha escavación arqueolóxica. O ano pasado estiven a escavar no castro de Neixón, en Boiro, e este ano estiven en Portugal”, sinala Álvaro.

Durante esas xornadas, estudantes como Álvaro dedican “entre 8 e 9 horas ao día, dependendo da calor”, ás escavacións arqueolóxicas nas que participan “en calidade de voluntarios”. É dicir, sen ver nin un só euro polo seu esforzo. Non obstante, “paga a pena por que conta como experiencia”, sinala o mozo coruñés, que no futuro desexaría intentar seguir escavando durante a carreira para logo poder dedicarse “profesionalmente” á arqueoloxía.


A REALIDADE DO SECTOR

Malia ao sinalado anteriormente, no mundo real un arqueólogo é moi diferente da idealizada figura do aventureiro casanova descubridor de tumbas antigas. En Galicia, como indica un estudo desenvolvido polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), no ano 2007 –momento de máximo auxe da disciplina arqueolóxica– levábanse a cabo arredor de 800 actuacións ao ano, reducíndose paulatinamente dende ese momento por efecto da crise económica.

E é que a crise afectou duramente o mundo da arqueoloxía porque, ao contrario do imaxinario popular, o arqueólogo pasa máis tempo escavando na localización de futuras autoestradas e edificios que en igrexas e castros.

No país existen 22 compañías dedicadas á arqueoloxía comercial, deixando Galicia no sexto lugar do ranking nacional. A maioría dos clientes desas pequenas empresas –cuxa facturación media bascula entre os 10.000 e os 75.000 euros por exercicio– son compañías construtoras e de infraestruturas, seguidas de lonxe polas administracións públicas.

Na actualidade, o problema principal destas empresas arqueolóxicas é que “ao afundirse as empresas privadas de construción, estanse a afundir as empresas de arqueoloxía”, segundo Eva Parga, coordinadora do estudo do CSIC sobre as empresas de arqueoloxía comercial. “Pero non é o único que está a afectar ao sector, xa que a desregulación está a afectar o sector case tanto como a crise. Cada comunidade ten a súa propia lexislación, o que impide unha homoxeneidade en aspectos tan importantes como normas, horarios, prezos...”, sinala Parga.



DE ARQUEÓLOGO A INTERIORISTA

Mentres tanto, nos traballadores do sector fura o pesimismo. Así, Víctor Tomás, da empresa coruñesa AXA, reafirma as palabras de Eva Parga, sinalando que “o baixón na construción civil está afectando moito ao sector”. Moito máis pesimista se mostra Ángel Rodríguez, de Archeo Atlántica S.L., que afirma que “a nosa empresa está composta só por min e o meu socio, o que fai que a empresa vaia tirando, pero no mundiño a xente está deixando a arqueoloxía para empezar a traballar no Ikea, cansos de estar puteados traballando por 900 euros”. Ademais, Ángel laméntase dos defectos da formación que reciben na universidade os futuros arqueólogos. “Cando rematas a carreira non sabes escavar, nin sabes bucear –fundamental para os arqueólogos submariños– nin sabes de nada. Tes que ir fóra a buscar a vida, traballando como voluntario, ou por 500 euros, ou loitar por unha bolsa, como fixen eu”, engade Rodríguez.

Na liña do representante de Archeo Atlántica manifestase Andrés Bonilla, de Prospectiva y Análisis Arqueológicos S.L, PyA Arqueólogos, que recomenda a calquera arqueólogo que teña posibilidade de acceder a un posto de traballo fixo que “abandone a arqueoloxía e o acepte, independentemente do sector do que se trate”. Bonilla afonda neste tema, engadindo que un dos principais males do sector é o da “precariedade”. O voceiro da empresa de arqueoloxía indica que no mundo da arqueoloxía “excepto, claro, os funcionarios e 10 ou 12 persoas fixas, todo o mundo traballa baixo a formula do contrato de obra, que pode ser dun mes, dous meses, tres meses...”. Bonilla chega a afirmar que “no meu caso, se me saíse un traballo fixo, deixaría, sen dúbida de ser arqueólogo”.

E todo iso a pesar de que dende hai algo menos de dous anos Galicia conta cun convenio laboral que regula o labor do arqueólogo profesional –o segundo do Estado tralo catalán, algo que viñan demandando os arqueólogos dende hai moitos anos–, tratando aspectos como o das xornadas laborais. E é que no mundo da arqueoloxía, como no mundo imaxinario das películas de Indiana Jones, non é ouro todo o que reloce.

in http://www.xornal.com/artigo/2010/08/31/cultura/cambio-escavacion-ikea/2010083100194600320.html

Sem comentários:

Enviar um comentário